Wednesday 15 de May de 2024

A directora de Turismo de Galicia acompaña a Juan Antonio Corbalán na súa última etapa do Camiño de Santiago


A estrela europea do baloncesto percorreu seis etapas do Camiño Primitivo no marco da segunda edición de ‘O Camiño acaba no Obradoiro’

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañou na última etapa do Camiño de Santiago á estrela europea do baloncesto, Juan Antonio Corbalán, que percorreu seis etapas do Camiño Primitivo no marco da segunda edición de ‘O Camiño acaba no Obradoiro’.

Esta iniciativa do Rio Natura Monbus Obradoiro ten un dobre obxectivo: recadar fondos para fins solidarios e contribuír na promoción internacional do Camiño de Santiago.

Nesta segunda edición, os beneficios xerados irán para a Fundación Heracles, que fomentando a práctica deportiva creará a “Bolsa Corbalán” para outorgar financiamento a mozos e que poidan xogar nas categorías base do club.

En declaracións aos medios, a directora de Turismo de Galicia destacou que o proxecto constitúe unha magnífica iniciativa, que comparte os valores do Camiño de Santiago e do fenómeno xacobeo cos do deporte e a solidariedade.

Nava Castro agradeceu ao Rio Natura Monbus Obradoiro “esta fantástica iniciativa que está a contribuír na promoción internacional do principal recurso turístico e cultural de Galicia”.

Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta sinalou que neste ano o Camiño de Santiago está a incrementar o seus peregrinos en máis dun 28%.

Primeira edición
Na primeira edición de ‘O Camiño acaba no Obradoiro’ un dos mellores xogadores da historia da NBA, Terry Porter, percorreu seis etapas do traxecto que une Sarria con Santiago de Compostela, completando o último tramo do Camiño Francés .

A iniciativa serviu para rodar un documental que recolle toda a experiencia vivida pola estrela americana en terras galegas.

Así, este proxecto dará a coñecer a Ruta Xacobea e os seus valores a nivel internacional e de maneira especial nos Estados Unidos, o terceiro país estranxeiro de onde chegan máis peregrinos.